EXPERIENCIAS DE INNOVACIÓN: PROXECTO RECREO CON CÓDIGOS
O proxecto Recreo con códigos é un proxecto de innovación docente do CEIP Ponte dos Brozos, en Arteixo, o cal promove a introdución da programación na Educación Primaria para introducir as TICs dentro do currículo educativo.
En primeiro lugar, paréceme unha proposta atractiva para o alumnado e interesante desde un punto de vista académico e didáctico, posto que a través da programación de videoxogos e animacións o alumnado pode desenvolver competencias como a da resolución de problemas ou o pensamento secuencial, ademais de incentivar a creatividade do alumnado a través dun medio atractivo para a rapazada. Ademais disto, como menciona o centro, o que se trata é de ensinar a programar e demostrar que non é algo excesivamente complicado e reservado a uns poucos. Así pois, ademais dos propios contidos curriculares, o alumnado poderá adquirir coñecementos e habilidades presentes e necesarios no século XXI.
Así e todo, debo dicir que non teño moi clara a idea de empregar a tecnoloxía en etapas tan temperás, xa que nos últimos tempos, na globalización de Internet e a normalización da tecnoloxía na sociedade, a rapazada está adquirindo unha certa dependencia á tecnoloxía, ao punto no cal no momento no que sexa posible que o alumnado perda o interese pola ensinanza no momento no que deban deixar de empregar os ordenadores na aula. Xa que logo, considero que esta é unha proposta con moitísimo potencial, pero é preciso establecer uns límites para asegurar que o alumnado enfoque este proxecto como un proceso de aprendizaxe interesante e interactivo, e non como un xogo máis que realizar na aula.
Comentarios
Publicar un comentario